Monday 13 de May de 2024

O alcalde anuncia a firma do convenio entre os concellos da Coruña e Arteixo e a Xunta para que o bus urbano chegue a Meicende


Carlos Negreira destaca que se trata dun acordo histórico entre administracións que abre o camiño a outras zonas de Galicia

O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, acompañado do seu homólogo en Arteixo, Carlos Calvelo, anunciou esta mañá que se desbloqueou unha histórica demanda veciñal de hai 30 anos coa elaboración o convenio que posibilitará dar servizo aos residentes de Meicende e que a liña 6 do bus urbano coruñés poida parar no municipio arteixán: “Trátase do primeiro acordo interurbano de transporte público entre distintas administracións en Galicia”, subliñou Carlos Negreira e engadiu: “Será un antes e un despois na resolución do transporte público en municipios lindantes e trátase dun acordo histórico que abre o camiño para moitas outras zonas da comunidade. A Coruña e a súa bisbarra marcamos o paso, unha vez máis,”.
Carlos Negreira destacou que a firma deste convenio de colaboración entre os concellos da Coruña e Arteixo e a Xunta supón dar un paso definitivo para contar cunha conexión directa entre o núcleo de Meicende (Arteixo) e a cidade a través do transporte público urbano. “É unha satisfacción que A Coruña e Arteixo cooperen como se está a facer na área urbana. Primeiro coa auga, despois cos residuos sólidos urbanos e agora co transporte público”, sinalou Carlos Negreira, quen avanzou que este convenio permitirá selar un acordo duradeiro, pois o propio convenio establece que a súa vixencia sexa indefinida.
O traballo en sintonía dos dous concellos e a Dirección Xeral de Mobilidade significou un importante avance, eliminando trabas administrativas para dar solución a un problema encistado durante tres décadas e sobre o que ninguén se interesara en buscar alternativas. “Abrir o camiño foi difícil, tivemos que modificar a lei, coordinarnos entre as distintas administracións e falar con todos os operadores de transporte,” resumiu. Así, xa se introduciu unha disposición adicional na Lei de Racionalización Administrativa daXunta de Galicia que habilita e permite aos concellos buscar unha solución mediante a firma deste convenio. Agora, o acordo terá que ser ratificado polos órganos de goberno das tres administracións, mentres que unha comisión de seguimento formada por técnicos e responsables das tres administracións se encarga da posta en marcha do servizo e o seu posterior control.
O novo servizo de transporte prestarase a través da actual liña 6 do bus urbano coruñés. A subscrición do convenio non supoñerá achega económica por parte do Concello coruñés á Compañía de Tranvías da Coruña, pois será o municipio de Arteixo -a través do Concello coruñés- o que deberá aboar á empresa o gasto correspondente en caso de que sexa preciso. Así, o novo servizo non supoñerá un custo adicional para os veciños da Coruña e os residentes de Arteixo pagarán polo billete de bus o mesmo que un usuario coruñés.
PLAN DE MOBILIDADE URBANA SOSTIBLE
Este novo paso supón que os veciños de Arteixo que viaxan diariamente á cidade de
A Coruña terán unha mellor e maior cobertura de transporte público para desprazarse dende e ata Meicende, unha mellor conexión coa Coruña, e optar por deixar o seu vehículo privado na casa, o que beneficia a todos os cidadáns e responde a un dos requisitos fundamentais do primeiro Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) da Coruña.
O convenio reflicte os compromisos adquiridos no PMUS de impulsar a intermodalidade e unha oferta de transporte público adecuada para reducir o uso do vehículo privado, un obxectivo prioritario pois os desprazamentos en coche particular que teñen a área metropolitana como punto de orixe ou destino representan o 89% do total: “As cifras de desprazamentos en transporte público son baixas e este acordo permitirá incrementalas e conseguir unha maior sostibilidade do transporte”, sinalou.
Na actualidade, os servizos de transporte interurbano non ofrecen entre A Coruña e Arteixo as frecuencias nin a accesibilidade precisas, unha circunstancia que se repetía co bus urbano porque non podía estender os seus servizos máis alá do termo municipal coruñés.
A implantación desta conexión de bus urbano entre A Coruña e Arteixo tamén redundará en importantes beneficios para o medio e a mobilidade sostible. Neste caso, a existencia de importantes complexos industriais na zona, como a refinaría, xera un elevado número de desprazamentos entre Meicende e A Coruña, e, en consecuencia, máis tráfico, peor calidade do aire, máis consumo enerxético e un incremento da contaminación acústica e do risco para os peóns. Por este motivo, coa implantación do novo servizo de bus urbano melloraranse todos estes índices.
Esta aposta pola mellora das conexións entre a cidade e a área metropolitana grazas a este convenio de colaboración complétase con outras iniciativas xa postas en marcha dende
A Coruña, como o recente acordo coa Xunta para a construción do primeiro aparcadoiro disuasorio de Lonzas e a Terceira Rolda. Ambas as dúas infraestruturas, ao igual que a conexión de bus urbano entre A Coruña e Arteixo, estarán a disposición dos cidadáns o próximo ano.
MELLORAS NO BUS URBANO
O alcalde explicou que esta iniciativa tamén se suma a outras postas en marcha durante este ano para dar resposta a vellas demandas dos veciños, comerciantes, empresarios e traballadores dos polígonos industriais. Neste sentido, Carlos Negreira recordou que
en 2014 integrouse a rolda de Monte Alto na rede de bus urbano, contando co servizo da liña 6, dando resposta a ese reclamo histórico e dando cobertura ao barrio de forma máis integral. Na mesma liña, a liña 5 comezou a circular pola avenida de Joaquín Planells corrixindo unha carencia que se remonta a 15 anos.
Ademais, mellorouse a conexión do transporte público con hospitais e centros médicos-asistenciais e comezou un proxecto de mellora da conexión do transporte público cos polígonos. Así, dende o mes de setembro, a liña 11 do bus urbano empezou a percorrer o polígono da Grela, unha medida que, consensuada cos seus representantes, atende unha demanda histórica tanto da agrupación de empresarios coma dos traballadores das máis de 500 empresas asentadas neste parque industrial.
Este ano tamén se realizou a proposta de liña circular para conectar os polígonos da Grela e Pocomaco, con varios puntos ou nodos de transbordo gratuíto que enlacen esta liña co resto do servizo de autobús urbano ou mesmo interurbano e que se materializará en 2015. Coa posta en marcha deste nova liña aténdese outra reclamación histórica, a de mellorar a situación dos polígonos para dotalos dun servizo eficaz, específico e flexible.
A aposta do Goberno municipal polo transporte público urbano, con máis de 20 millóns de viaxes ao ano,” ratifícase de novo en 2015 coa conxelación do prezo de bus urbano en todas as súas modalidades, destacou Negreira, quen recordou que o próximo ano se manteñen as tarifas para o bonobús xeral que queda en 0,85 euros (o Concello asume 0,45 euros, o 35% do prezo da viaxe do usuario); o social, que se mantén en 0,33 euros (o Goberno local asume o 75%, é dicir, 97 céntimos); e universitario, que continúa en 0,30 euros (o Concello aboa 0,52 euros por billete e a Universidade, 0,48). O prezo do billete ordinario seguirá custando 1,30 euros.